Thursday 09 de May de 2024

Medio cento de veciños arrouparon ao Dúo Mara durante o seu concerto lírico en Lousame


Máis de medio cento de veciños e veciñas arrouparon o pasado venres ao Dúo Mara durante o concerto lírico ofrecido no auditorio da Casa da Cultura de Lousame. Un evento no que, ao longo de case 90 minutos, a soprano Esperanza Mara e a pianista Paula Gago interpretaron unha variada selección de pezas musicais, dende fragmentos de ópera ata zarzuela e muiñeiras.

Formado no ano 2005, tras coñecerse a soprano noiesa Esperanza Mara Filgueira Rama e a pianista marinense Paula Gago Otero no seo da Banda Sinfónica da Federación de Bandas de Música Populares de Galicia, o Dúo Mara deu o seu primeiro recital en Rianxo (2006). Dende aquela ofreceron numerosos concertos dentro e fóra de Galicia, participando en destacados actos como o Día Europeo da Música (Santiago), Semana Cultural Noiesa, Feira do Libro en Oporto, Festival Son de Marín, Semana Musical de Noia e a Homenaxe ao escultor Francisco Asorey (Cambados). Ademais son habituais en ciclos de prestixio coma os da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza (Santiago), a Fundación Cultural Rutas del Románico (Pontevedra), a Asociación de Compositores de Galicia, a Fundación Eutherpe de León ou o Curso de verán Tamara Brooks.